O Concello de Sanxenxo abre o prazo de inscrición nas 17 actividades extraescolares que oferta este curso
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo abrirá meste mércores o prazo de inscrición nas escolas municipais destinadas a estudantes de Educación Infantil, Primaria e ESO, quen poden escoller entre un total de 17 actividades extraescolares do ámbito deportivo e tamén cultural.
Este martes, persoal municipal distribuíu entre os colexios e institutos do municipio os boletíns de inscrición que servirán para que se formalicen as matrículas ata o día 25 de setembro. Esa será a data na que os técnicos municipais recollerán todas as solicitudes entregadas nos centros escolares. A partir desa data, a matrícula permanecerá aberta en función das prazas que queden dispoñibles, pero xa deberán formalizarse nas instalacións do Pazo Emilia Pardo Bazán.
Os boletíns de inscrición estarán tamén dispoñibles, ademais de en o Pazo, na páxina web municipal.
Os nenos poden facer exercicio esta tempada escollendo entre 13 disciplinas diferentes: baloncesto, xogos predeportivos, fútbol sala, piragüismo, psicomotricidade, salvamento deportivo, surf bodyboard, taekwondo, tenis, voleibol, padel e zumba e baile moderno.
Haberá tamén unha escola deportiva de natación, cuxa inscrición se abrirá a partir de 18 de setembro e deberá entregarse nas propias instalacións da piscina.
Ademais, os escolares poderán elixir entre catro propostas lúdico-formativas, que son o Obradoiro de Arte Infantil, o Centro de Arte, a Escola de Música e a Ludoteca.