O goberno local de Vilagarcía quere reducir o IBI e evitar que un chalé pague menos que un piso
Por Redacción
O goberno local de Vilagarcía ten previsto presentar unha proposta de ordenanzas fiscais para o 2016. Segundo informan desde o Concello, as modificacións iniciais serán mínimas á espera dunha revisión máis profunda para aplicar en 2017.
A principal modificación que se acometería de maneira inmediata sería a do Imposto de Bens Inmobles, que pasaría a reducirse de 0,60 a 0,58, se a proposta do grupo do alcalde Alberto Varela conta con apoio da maioría da corporación.
Con esta iniciativa búscase que os veciños vexan reducida a carga impositiva derivada da revisión catastral posta en marcha baixo o mandato do anterior goberno. Rebaixando o tipo que se aplica ao valor do inmoble, o goberno local pretende ateneura o impacto provocado pola revisión dos prezos catastrais.
Ademais, aproveitando esta modificación, o goberno local quere revisar o imposto que se aplica a edificacións levantadas en zonas non estritamente urbanas. Segundo apunta o equipo de goberno, actualmente as construcións como chalés ou as casas unifamiliares tributan por rústica e non por urbana, de forma que se producen casos que entenden que é inxusto como que un piso normal na cidade tribute máis que unha gran mansión situada nos exteriores.
Estas ordenanzas fiscais serán debatidas en outubro para que entren en vigor en 2016.