Susto para 20 rapaces que viaxaban nun autobús escolar ao sufrir o impacto dun turismo en Poio
Por Redacción
A abundante choiva rexistrada durante a xornada deste martes 15 atópase como unha das causas que provocou un accidente de circulación no lugar de Anafáns, en Lourido (Poio) ao redor das 15.00 horas cando un turismo invadiu o carril contrario impactando contra un autobús escolar, que nese momento trasladaba a 20 menores procedentes da súa primeira xornada de curso do IES de Poio con alumnos de ESO e Bacharelato.
O impacto entre os dous vehículos foi frontal pero non chegaron a rexistrarse feridos de gravidade a pesar de que a defensa do autocar de transporte escolar sufriu diversos danos en toda a zona da defensa. A Policía Local someteu aos condutores de ambos os vehículos a un control de alcoholemia con resultados negativos.
Ningún dos menores sufriu danos e, tras o accidente, o autobús trasladounos aos seus fogares.