Organizan unha xornada de actividades no Pontillón para a integración deportiva de nenos con enfermidades
Por Redacción
Persoas, principalmente nenos e novos, que sexan pacientes de enfermidades como diabetes, down, Crohn ou que, por exemplo, sexan celíacos teñen a posibilidade de apuntarse e participar nas actividades gratuítas que promove a Escola de Tempo Libre Paspallás o sábado 19 de setembro no Pontillón do Castro entre as 11.00 e as 20.00 horas.
Aqueles que queiran participar deste 'Día en familia para todos' poderán realizar actividades deportivas como piragüísmo, sendeirismo, paddle surf ou participar nas numerosas propostas de animación que levarán a cabo os monitores que participan nesta cita cuxo principal obxectivo é que os menores que teñen algunha enfermidade comproben que poden realizar deporte sen ningún tipo de inconveniente e que se autoxestionen durante a xornada, segundo indicou Anxeles Paz na presentación desta proposta no Concello de Pontevedra.
Os interesados poden apuntarse ata o vindeiro venres no teléfono 698.191.366 ou a través do correo electrónico digestivo.pontevedra@gmail.com. As actividades están limitadas a 100 prazas e poden participar tamén aquelas persoas que non teñan unha patoloxía.