As motos volven xuntarse en Seixo nunha cita que rematará con striptease
Por Redacción
A parroquia marinense de Seixo acolle este sábado 19 de setembro a segunda concentración moteira organizada pola pena EnosOnoso, coa colaboración do Concello de Marín e da Asociación de Comerciantes Marín Sur. A concelleira de Turismo e Comercio, Cristina acuña, realizou a presentación este xoves 17 acompañada polos organizadores.
Este encontro acollerá numerosas actividades durante a tarde e a noite desta xornada. Iniciarase ás 16.30 horas coa benvida aos participantes. A saída da ruta comezará ás 17.30 horas que concluirá ás 18.30 horas coa degustación de pinchos gratis para os asistentes nunha celebración con música. A partir das 19.30 horas comezarán os xogos que se prolongarán ata as 21.30 horas co sorteo de cascos, tickets de gasolina, lentes de sol, reloxos e camisetas.
Ás 23.30 horas, os motoristas realizarán unha nova ruta nocturna portando chalecos fluorescentes. Unha hora máis tarde, os participantes poderán gozar dunha queimada e de chocolate con bizcocho baixo a actuación do DJ Rubén Díaz. Sortearanse a partir das 01.30 horas entradas para o Gran Premio de Valencia.
Durante a madrugada desenvolverase outro dos actos habituais deste tipo de encontros, o striptease masculino e feminino.