Detido un mozo marinense por roubar un móbil do interior dun coche
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional pertencentes á Comisaría de Marín identificaron e detiveron un mozo de 19 anos de idade, veciño de Marín, con antecedentes policiais, como presunto autor dun delito de roubo con forza nun vehículo.
Segundo informaron fontes oficiais, os feitos sucederon a finais de xuño, cando presentou denuncia nestas dependencias un mozo que fora vítima da subtracción do seu teléfono móbil que deixara no interior do vehículo tras deixalo estacionado no vial de praias.
Ao parecer cando se dispoñía a subir ao coche comprobou que lle romperan o portelo dianteiro e roubáranlle un teléfono móbil de alta gama.
Tras iniciarse as pertinentes investigacións os axentes policiais lograron pescudar a identidade da persoa que utilizaba na actualidade o móbil e que se atopaba residindo na localidade de Tui. Unha vez identificado e localizado os axentes procederon á súa detención e na súa declaración afirmou facer un intercambio cun particular a través dunha páxina Web.
O detido, criador de cans, chegou a un acordo para vender un cachorro de American Pitbull Terrier a un individuo que se puxo en contacto con el, a cambio do teléfono móbil. Tras prestar declaración en dependencias policiais fixo entrega do teléfono subtraído que foi entregado polos axentes ao seu propietario.
Logo de diversas e arduas xestións os axentes localizaron ao individuo que cambiara o móbil polo can e que presuntamente o subtraeu do interior do vehículo do denunciante.
Por todo iso foi detido o día 16 de setembro por un roubo con forza no interior de vehículo. Unha vez en dependencias policiais tramitouse o correspondente informe policial.