A Federación de Nais e Pais e o Concello de Marín acordan manter a programación de actividades extraescolares
Por Redacción
A concelleira delegada de Medio Ambiente e Benestar Social de Marín, Marián Sanmartín, reuníase este venres 18 de setembro con representantes da Federación de Nais e Pais para manter a prórroga da colaboración que manteñen ambas as institucións.
A concelleira, encargada tamén das competencias en Educación, manifestou o seu interese en seguir coas actividades extraescolares de inglés, a relacionada con Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) e o sistema de ábaco. Estas propostas irían dirixidas a todos os centros educativos.
A experiencia resulta moi positiva para os menores que asisten a estas iniciativas, do mesmo xeito que para as familias e para os educadores dos centros que concretan estas actividades extraescolares.
SORTEO DE ESCOLAS DEPORTIVAS
Por outra banda, este venres tamén levouse a cabo o sorteo das tres disciplinas deportivas que contaban cun exceso de solicitudes de prazas. Son aquelas en as que se pediron en primeira opción destes tres deportes: natación, natación infantil e patinaxe, que non puideron incrementar os grupos en ningunha destas alternativas escollidas como primeira opción.
O resto das modalidades deportivas solicitadas como primeira opción están admitidas. Aceptáronse 590 solicitudes, sobre as 530 ofertadas inicialmente, repartidas entre os 18 deportes que se inclúen na oferta das escolas deportivas municipais.
Este aumento de prazas débese a que os clubs admitiron un aumento dun 20% de escolares respecto a 2014, sen ningún aumento de custo para o Concello. As listaxes poderán consultarse no taboleiro do Concello ou na páxina web municipal.
A partir do luns 21 xa se pode efectuar o pago dos 40 euros por alumno nas oficinas de recadación, situada no andar baixo do Concello.