Alcalde si, pero o trienio polo que vale
Por Oskar Viéitez
O exalcalde de Cuntis, Antonio Pena, presentou un escrito no rexistro do Concello reclamando o abono dos trienios que lle corresponden como funcionario do grupo A durante o tempo que foi alcalde. En concreto era profesor de francés no Instituto de ensino Secundario de Malpica de Bergantiños (A Coruña).
É dicir, desde o 11 de xuño de 2011 e ata o 13 de xuño de 2015 desempeñou o cargo de alcalde do Concello de Cuntis, indicando que "durante os anos que ocupou o posto de alcalde con adicación exclusiva non se lle aboaron os trienios correspondentes ao seu posto de funcionario do grupo A" e é polo que solicita o abono dos trienios que lle correspondan.
Os trienios ascenden a unha cantidade bruta estimada de 12.780 euros
Os trienios ascenden a unha cantidade bruta estimada de 12.780 euros.
Ante esta reclamación o goberno local solicitou varios informes para saber se os funcionarios que se atopen en situación de servizos especiais, entre os que se atopan os membros das administracións públicas, e desempeñan na Corporación para a que foron elixidos un cargo retribuido e de dedicación exclusiva teñen dereito a percibir a retribución correspondente aos trienios devengados como funcionario.
A resposta obtida é que estes funcionarios teñen recoñecido o dereito para percibir as retribucións do posto ou cargo que desempeñan e non as que lles corresponden como funcionarios, así como o dereito para percibir os trienios que teñan recoñecidos en cada momento.
Agora ben, onde non obtiveron unha resposta clara é á pregunta sobre cal é a administración pública obrigada ao pago dos trienios do devandito persoal. A única referencia que se atopou é que debe pagar o departamento no que desempeñaban o seu último posto de traballo en situación de servizo activo.
Polo momento o Concello de Cuntis non deu contestación á reclamación previa do exalcalde que podería pasar á vía xudicial.