Anceu revive un ano máis a súa tradicional danza celta na honra da virxe das Dores
Por Redacción
As Festas das Dores en Anceu alcanzaron este domingo a súa máxima plenitude coa interpretación da danza tradicional ou danza celta a cargo dos mozos desta parroquia de Ponte Caldelas. O bo tempo desta xornada animou a que centos de persoas seguirán, un ano máis, a interpretación que fan os mozos da zona deste baile ancestral.
Ao finalizar a misa, os danzantes formaron na explanada da igrexa e dedicaron varias reverencias á Virxe das Dores, portada por varios devotos que iniciaron a procesión entre o templo e o campo das festas. A parada estivo acompañada polos acordes da Banda de Música de Tenorio e o grupo de gaitas Os Alegres de Pontevedra, que foron tamén os encargados de poñer a música ás danzas interpretadas no campo da festa de Anceu.
Unha vez concluída e situada a imaxe da Virxe das Dores nun lugar destacado do campo da festa, tivo lugar a interpretación desta secular danza.
Os mozos da parroquia contribúen coa súa dedicación e ensaios a manter viva esta tradición das chamadas Danzas Brancas que tamén teñen a súa expresión en lugares como Marín (Danza dás Espadas), Carril (Vilagarcía) ou os Danzantes de Cobas, en Meaño.
Os integrantes deste grupo de danzantes bailaron ao son da música, portando arcos adornados con cintas de múltiples cores e foron entrelazando as súas coreografías cos elementos que portaban, facendo que o espectáculo e a pericia dos participantes levantaran a admiración e o aplauso do numeroso público presente. Tamén usaron paus e castañuelas que foron accionando durante a súa interpretación para levar o compás e o ritmo das danzas.