A derriba dun edificio ilegal provocará o desaloxo de dezanove familias de Bueu
Por Oskar Viéitez
Dezanove familias de Bueu acaban de recibir unha notificación de desaloxo forzoso para proceder á derriba do edificio no que residen para dar cumprimento a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que o declara ilegal e condena ao concello para repoñer a legalidade.
O edificio Pintos ten sentenza firme de derriba que anula a licenza municipal concedida por unha aliñación indebida e invasión de espazo público.
Este expediente iniciouse en 1991 e desde entón seguiu un complicado periplo administrativo e xudicial, pero este longo proceso concluíu e o próximo 2 de novembro producirase a derriba cuxos custos deberán ser asumidos polos propios veciños.
O edificio está situado na avenida de Loureiro número 14. O inmoble consta dun baixo e tres plantas.
Ante esta situación os afectados reclaman ao Concello que asuma o custo desta operación e reivindican que se lles indemnice.
Os residentes do edificio Pintos sosteñen que foron "estafados" polo que esixen ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, que lles apoie do mesmo xeito que no seu día fixo cos afectados polas preferentes.