Os socialistas responsabilizan á Xunta da caída de extracción marisqueira en Arousa e Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O portavoz de Pesca do grupo socialista, José Ramón Val Alonso, responsabilizou este martes ao goberno galego da caída de produción e extracción de moluscos nas rías de Arousa e Pontevedra. O responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Pesca do Parlamento na que lle esixiu ao goberno galego "medidas excepcionais para situacións excepcionais".
Criticou ao goberno galego que non fixera "nada" diante da preocupante caída da produción nos bancos de libre marisqueo de Galicia, e sinalou que "non foi ata o pasado xoves", a 15 días da apertura dos bancos, cando se sentaron cos patróns maiores de Arousa e Pontevedra.
Pola súa banda, o voceiro do Mar do grupo popular, Jose Manuel Balseiro, reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia coa recuperación produtiva da ría de Arousa e, en particular, coa mellora da situación marisqueira dos lombos do Ulla, Cabío e Bohído.
Balseiro reafirmou que tanto a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, como todo o equipo directivo deste departamento autonómico "son plenos interlocutores válidos do sector marisqueiro da ría de Arousa", tal e como demostran os múltiples encontros que mantiveron, o último, o pasado xoves, na xuntanza mantida entre a propia titular e os patróns maiores da zona.
Balseiro insistiu en que "ninguén estivo de brazos cruzados" na ría de Arousa e dixo que "se seguirá traballando, en colaboración coas confrarías, para solucionar os problemas detectados e, moi en particular nas áreas de libre marisqueo".