O alcalde de Sanxenxo invita a Telmo Martín a instalar as súas empresas no polígono industrial de Nantes
Por Redacción
Gonzalo Pita, alcalde de Sanxenxo, convidou ao Partido Popular e, en concreto, ao portavoz Telmo Martín, a participar na mesa de traballo creada polo goberno local en colaboración co consello reitor do Solo Urbanizable 15 (SU 15), no que se atopa o polígono de Nantes, para buscar unha forma conxunta co Concello de Meaño para ofrecer saneamento a este espazo industrial.
O alcalde reclama a Telmo Martín que sexa "sosegado" cando critica a situación do polígono industrial creado na súa etapa como rexedor e que, unha década máis tarde, continúa "inoperativo". E desde o goberno local critican a xestión da exconcelleira de Urbanismo do PP, María Deza, que non recepcionó a obra antes de finalizar o mandato.
Pita teme que o portavoz do PP coñeza o expediente do SU 15 con detalle e aínda así fale de recepción e posta en marcha de fábricas "saltándose a legalidade". Neste sentido, desde o goberno local sinalan que eses tempos xa pasaron e agora o cumprimento da legalidade vai ser "escrupuloso e exhaustivo".
O alcalde suxire, ademais, ao xefe da oposición que utilice os seus contactos e o seu cargo como deputado no Congreso para contribuír á promoción do polígono e espera que tamén aposte polo parque empresarial de Sanxenxo para situar alí as súas empresas, "demostrando así que os seus argumentos non son mera palabrería".
Tamén lle suxire que interceda ante a conselleira de Medio Ambiente para tratar cuestións como o proxecto de seguridade viaria na PO 308 porque, segundo indica o rexedor, solicitou tres veces unha entrevista sen que lla concedan.
Relacionadas:
-
Gonzalo Pita culpa o PP das trabas ao polígono de Nantes
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo arromba os terreos do seu polígono industrial para evitar o seu deterioramento
Por Redacción |
-
O goberno local de Sanxenxo lembra a Telmo Martín que o PP tivo 8 anos para xestionar o polígono
Por Redacción |
-
Telmo Martín reclama ao catripartito xestionar o parque empresarial de Nantes
Por Redacción |
-
Sanxenxo pide celeridade na tramitación do polígono de Nantes, para o que xa hai precontratos con varias empresas
Por Redacción |