O paseo de Silgar e o acceso ao parking péchanse con motivo dunha carreira nocturna
Por Redacción
O Paseo de Silgar e a rúa que accede ao porto permanecerán cortadas ao tráfico este sábado desde as 21.45 horas ata as 23 horas, para facilitar o desenvolvemento da primeira Cool Run, que contará con máis de 700 corredores. Quedará tamén pechado o acceso e saída do parking municipal de Nauta.
Nese mesmo horario permanecerá valada toda a praza dos Barcos e as rúas próximas para garantir o correcto desenvolvemento deste evento deportivo que xogará coa luminosidade como elemento singular, polo que durante esa hora será a luz que acheguen os deportistas, ataviados con pezas e obxectos reflectores, a única que poderán verse en toda a contorna, xa que está previsto apagar a iluminación pública.
Durante toda a tarde, xa que a festa comeza ás 16 horas, un operativo da Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias encargarase de despregar un dispositivo especial de seguridade.
A Cool Run exponse como unha xornada lúdica que conclúe cunha carreira popular na que animación e iluminación rivalizarán en protagonismo co aspecto deportivo do evento.
A carreira, na que os participantes irán ataviados con luces, roupas e maquillaxes reflectoras, partirá da Praza do Mar e seguirá polo Paseo de Silgar, dando dúas voltas para completar os 5 quilómetros do percorrido, concluíndo no mesmo punto de saída. No tramo de ida desenvolverase polo Paseo de Silgar e no de volta os corredores utilizarán o ancho da beirarrúa no lado máis próximo ao mar. Durante o traxecto estableceranse numerosas sorpresas musicais e luminosas para animar a xornada.
Neste singular evento deportivo, co que Sanxenxo despide xa o calendario de actividades estivais, están inscritos boa dos membros do goberno local. O alcalde Gonzalo Pita percorrerá os cinco quilómetros acompañado por Maxi González, Suso Sueiro, Sandra Fernández Agraso, Daniel Fernández e previsiblemente Roberto Carlos Agís.