O goberno tripartito de Ponte Caldelas e a oposición do PP só coinciden nos festivos locais
Por Oskar Viéitez
No Pleno municipal do Concello de Ponte Caldelas viviuse un novo enfrontamento entre o goberno tripartito formado polo PSOE, BNG e AVP e a oposición do PP co ex alcalde popular Perfecto Rodríguez como portavoz.
Na sesión plenaria aprobouse por unanimidade fixar os festivos locais para o Mércores de Cinza e o das Festas das Dores, como viña sendo tradicional.
Ademais levouse ao Pleno a aprobación das contas do exercicio 2014 que pasaron o trámite grazas ao voto crítico do alcalde, Andrés Díaz, quen manifestou que o facía para evitar que o Tribunal de Contas impida recibir subvencións da Xunta. Foi aprobado cos 6 votos do PPdeG e a abstención dos edís do PSdeG-PSOE, AVP e BNG.
Outro punto polémico referiuse á "imposibilidade" de poñer en marcha a rede de sumidoiros de Buchabade, ao detectarse "graves atrancos" en dous colectores principais e noutro secundario, polo que será preciso facer novas arquetas e sondaxes para detectar onde están os problemas.
Polo demais, o salón de actos do Concello viviu unha sesión tensa no capítulo de rogos e preguntas con cruzamento de acusacións entre goberno e oposición sobre o crematorio da Reigosa.
O exalcalde Perfecto Rodríguez criticou un folleto editado por AVP porque "non tolero que fagan insinuacións de que tiña algún interese na súa construción, ou que tiven algo que ver coa concesión dunha subvención por parte do Leader".
"Ese é o legado que deixa vostede despois de anos de mandato, o crematorio que, por certo, erraron á hora de bautizalo xa que en lugar de Terras de Pontevedra debería chamarse Crematorio Perfecto Rodríguez", dixo o alcalde Andrés Díaz.