Xornada de limpeza dos nosos ríos
Por Redacción
O programa Proxecto Ríos que desenvolve a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) celebrou este domingo unha xornada de responsabilidade e denuncia da situación que padecen algunhas contornas naturais do ecosistema galego na que 533 persoas retiraron máis de 11 toneladas de residuos..
En Pontevedra a asociación Vaipolorío xunto coa Fundación Xoán XXIII participaron na limpeza do río dos Gafos concienciando á cidadanía na necesidade de coidar esta paraxe.
Outro grupo de voluntarios acudiu ao río Umia para evidenciar un problema ecolóxico.
O Colectivo Ecoloxista do Salnés elixiu o tramo situado na Ponte dos Padriños, pertencente á parroquia de Ponte Arnelas.
En Poio, a Plataforma Veciñal de Samieira acudiu ao lugar de Fontemulleres para acometer a limpeza do río Feiría. Como o pasado ano, ademáis da retirada dos residuos, os participantes recolleron nunhas fichas de inspección do río as súas impresións en canto ao estado do curso fluvial (sucidade, focos de contaminación, danos ou desaparición de vexetación de ribeira, movementos de terra, construcións, obxectos instalados no cauce...). Tamén recabaron información sobre o estado da contorna e dos elementos patrimoniais relacionados co río e a auga: muíños, fontes e lavadoiros (mantemento, estado das construcións...). Toda esta información gardarase nun informe anual de situación deste curso de auga e sumarase á recompilada na edición anterior .
En Barro participou a Asociación da Barosa; en Marín, o Grupo Cultural Ronsel; así a VIII Limpeza Simultánea "Móllate polos ríos" celebrouse este ano en 42 concellos de toda Galicia, e participaron un total de 52 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, centros de ensino, entre outros) e tamén 6 concellos que organizaron directamente esta actividade.