A Xunta retira preto de mil caixas de expedientes dos xulgados do Social de Pontevedra
Por Redacción
A Xunta retirou dos xulgados do Social nº 2 e nº 3 de Pontevedra un total de 956 caixas de documentación xudicial, que foi dividida en varios lotes e enviada ao depósito habilitado no Edificio administrativo de Campolongo para actuacións relacionadas coa organización dos arquivos xudiciais e o expurgo.
O traslado supuxo a retirada de máis de 13.000 expedientes dos xulgados. A documentación permanecerá gardada neste depósito á espera de que a Xunta de Expurgo determine a súa eliminación definitiva ou a conservación naqueles casos nos que esteamos a falar de documentos con interese histórico.
A Dirección Xeral de Xustiza está levando a cabo diversas iniciativas para desconxestionar os arquivos xudiciais. Entre estas actuacións destaca a habilitación deste local en Pontevedra, no edificio da delegación Territorial da Xunta, en Campolongo, que conta con preto de 500 metros cadrados e unha capacidade para unhas 25.000 caixas de expedientes.
A maiores das case mil caixas de documentación dos Xulgados do Social de Pontevedra tamén se teñen transferido ao depósito de Campolongo máis de 20.000 expedientes dos Xulgados do Social de Vigo e do Social nº1 de Pontevedra, dos que se teñen trasladado máis de 7.000 expedientes. Nas vindeiras semanas está previsto o traslado de documentación dos xulgados sociais e penais de Vigo e Pontevedra, entre outros órganos.
PONTEVEDRA, A PROVINCIA MÁIS AVANZADA
O proceso de expurgo é unha firme aposta do actual goberno e que se está a levar a cabo de xeito progresivo en toda Galicia, sendo a provincia de Pontevedra un dos sitios onde vai máis avanzado.