Pecha o restaurante Pepe Vieira en Poio ata o próximo mes de marzo
Por Oskar Viéitez
O restaurante Pepe Vieira pecha o seu establecemento en Poio ata o próximo mes de marzo, ou como prefiren dicir os seus responsables: "inaugura unha nova etapa de desenvolvemento creativo".
Pepe Vieira, o restaurante estrela Michelin dirixido polos irmáns Cannas, permanecerá pechado desde o 1 de outubro deste ano ata marzo de 2016 onde traballarán "nun novo espazo de creación".
Tras oito anos abrindo ininterrompidamente, o equipo de Pepe Vieira decidiu tomarse un tempo de reflexión e transformación tanto na cociña como na atmosfera do Camiño da Serpe.
"Abrirase un proceso de investigación co obxectivo de presentar novos menús e novos pratos para a próxima tempada", indicaron. Para que isto sexa posible, o restaurante permanecerá pechado ao público "pero mantendo a actividade nos fogóns".
"Durante este período ocuparémonos no desenvolvemento de novos pratos, novas ideas, dedicando tempo á formación interna do noso persoal e, en definitiva, traballar para que a experiencia que os nosos clientes teñen en Pepe Vieira mellore tempada tras tempada", comunicaron.
"Estamos seguros que esta decisión repercutirá positivamente no que se refire ao traballo que vimos desenvolvendo en Pepe Vieira desde o seu inicio", comenta o xefe de cociña Xosé T. Cannas.