Bueu aproba as novas tarifas dos taxis do municipio
Por Redacción
O Concello de Bueu aprobou este martes as novas tarifas que serán de aplicación en todos os taxis que operen no municipio. Foi mediante unha resolución da Alcaldía, que establece as tarifas definitivas para este servizo.
A tarifa diúrna do servizo de taxi será aplicable en días laborables de 6 a 22 horas, e a nocturna/festiva en días laborables de 22 a 6 horas, os sábados a partir das 15 horas e os domingos, festivos locais e autonómicos.
A percepción mínima será de 3,75 euros, mentres que o custe por quilómetro percorrido será de 1,05 euros, e a hora de espera de 16,20. A tarifa nocturna consta dunha percepción mínima de 4,50 euros, de 1,26 por quilómetro percorrido e de 19,44 euros por hora de espera.
Ademais, na resolución tamén se especifica un custe de 0,60 euros para vultos ou maletas (excepto cadeiras de discapacitados ou de bebés) e de un euro para os cans, menos os cans guía.
Estes prezos comezarán a ser aplicables unha vez que se publique o anuncio no Boletín Oficial da Provincia.