O outono pontevedrés será ‘monumental’
Por Alejandro Espiño
Premiar a fidelidade dos clientes e animar aos propios comercios a participar neste tipo de accións promocionais. É o obxectivo co que nace Outono Monumental, unha nova campaña impulsada pola asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Desenvolverase do 2 ao 14 de outubro e repartirá 800 euros en premios, a trocar nos establecementos comerciais do centro histórico.
Segundo explicou o presidente da asociación, esta iniciativa pretende ser un novo atractivo para que os clientes realicen as súas compras nos preto de 120 negocios asociados, tanto comercios como establecementos de hostalería.
"Todo tipo de actividades aumenta el consumo", afirmou Miguel Lago, que asegura que a xente "empieza a perder el miedo a gastar", polo que entende que "hay que fidelizar al cliente". Pero neste caso, cunha novidade, xa que o premio tamén repercutirá no comercio que atendese ao cliente galardoado.
En concreto, repartirase un vale de compra de 200 euros, catro de 100 euros e outros catro de 50 euros. Para participar, cada cliente recibirá un boleto con cada compra que realice no centro histórico e, se resulta premiado no sorteo que se celebrará o 15 de outubro, só poderanse trocar no establecemento no que se realizou a compra. Terá de prazo para iso ata o 24 de outubro.
As papeletas cubertas cos datos do cliente terán que depositarse na oficina da asociación, situada na rúa Serra 1, baixo. Todas deberán estar seladas polo establecemento onde o cliente fixese a compra.
Miguel Lago celebrou, ademais, a "continua" apertura de negocios que se está rexistrando no centro histórico e o "sentimiento de pertenencia" a este ámbito da cidade que se establece entre os comerciantes. Iso si, recoñeceu certa "volatilidad" nos comercios que se abren, pero "no más que en los últimos años".