Os maiores de 60 anos tamén contan
En 2050, máis do 20% da poboación mundial serán persoas maiores de 60 anos. E elas, por suposto, tamén contan na sociedade. Esa é a reivindicación do Día Internacional das Persoas Maiores, unha efemérides instituida pola ONU, e que se celebrou este xoves en Pontevedra. Foi da man de Afundación e os usuarios do seu centro de maiores que protagonizaron unha divertida iniciativa na rúa.
A entidade colocou un photocall diante do Café Moderno, convidando á cidadanía para sumarse a esta celebración, facéndose fotos sostendo mensaxes que apoien a campaña. O contido das mensaxes foi escollido polos usuarios do centro e neles fan un chamamento ao respecto, a seguridade, a valoración da súa experiencia ou o recoñecemento da súa contribución á sociedade.
As instantáneas que se tomaron nesta iniciativa, na que tamén participaron o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira Carmen Fouces, difundíronse a través das redes sociais utilizando o hashtag establecido por Nacións Unidas: #60PLUS, para sumarse así á campaña internacional.
En 2015, o lema escollido para esta conmemoración é "sustentabilidade e inclusión das persoas maiores na contorna urbana", tendo en conta que se está acelerando o proceso de concentración da poboación en áreas urbanas. Neste sentido, o acto celebrado en Pontevedra buscaba facer visibles as demandas que expoñen as persoas maiores para conseguir unha cidade accesible, segura e que garanta a súa plena participación e inclusión.
O Centro de Maiores de Afundación en Pontevedra conta cuns 1.200 usuarios nas súas diferentes actividades destinadas á promoción de hábitos saudables, o goce da cultura e a expresión artística, a formación e o coñecemento e o lecer activo e relacional.
No próximos catro anos, a prioridade será poñer en valor a experiencia dos maiores, principalmente a través de programas intergeneracionales nos que se cren espazos de encontro para favorecer o coñecemento mutuo e o intercambio de información e experiencias entre maiores e novas -os primeiros pasos será con actividades nos colexios-; así como o fomento do voluntariado.
CICLO DE CINE
Co obxectivo de estender a campaña máis aló do Día Internacional das Persoas de Idade, Afundación programou tamén un ciclo de cinema, no que se proxectarán dúas películas, Le Week-end (9 de outubro) e Sang Woo e a súa avoa (23 de outubro).
En todas elas abórdanse desde diferentes perspectivas as incertezas e os retos de ser maior, a soidade, a perda, pero tamén a ilusión de vivir e a oportunidade de renovarse, aprender e seguir crecendo.
As proxeccións, que teñen entrada libre e gratuíta, faranse no Café Moderno ás oito da tarde.