Sesenta desempregados volven ás aulas en busca da integración laboral
Por Redacción
Un total de 60 personas participarán a partir do vindeiro luns 5 de outubro na segunda edición do Programa Integrado de Emprego EmpregaMarín, que ten como finalidade posibilitar a integración laboral de persoas demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral.
A alcaldesa, María Ramallo, participou este venres na presentación oficial do programa no salón de actos da biblioteca pública municipal, á que acudiron parte dos participantes nesta nova edición da iniciativa. Está destinada a traballadores desempregados menores de 30 anos inscritos como demandantes de emprego; persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI); ou persoas beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional (Prepara).
O luns día 5 comenzarán as accións formativas de 'Actividades auxiliares de almacén', que se celebrará en sesións matinais de luns a venres nas instalacións da finca de Briz, e 'Electricidade e hidráulica básica', que terá lugar en horario de tarde nas instalacións do centro de formación de Cetmar, A Aixola. Ao término da fase formativa, en novembro, o alumnado comezará a participar en accións de intermediación laboral.
Segundo informou o Concello de Marín, a Administraicón local ten concedida unha axuda da Consellería de Traballo e Benestar de 112.783,98 euros para realizar este programa.