Os alumnos de Deseño e Moda buscan modelos para o seu Debut
Por Redacción
O acto de presentación das coleccións que constitúen o traballo fin de estudos do alumnado dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) terá lugar o xoves 26 de novembro no Pazo da Cultura.
Organizar cada ano un desfile capaz de reunir a preto de 2.000 persoas só é posible grazas á colaboración de moitos, entre eles as persoas que exercen como modelos na presentación das diferentes coleccións. Os que estean interesados, desde esta semana xa poden acudir ata o despacho desta titulación na Facultade de Belas Artes co propósito de converterse nun ou nunha dos protagonistas da novena edición deste desfile.
“Como todos os anos por estas datas, abrimos este proceso para todas aquelas persoas que lles apeteza colaborar coa escola e axudarnos a montar un evento que é a celebración do fin dos estudos do alumnado”, salienta a directora de Esdemga, Lola Dopico, respecto desta fase de selección de modelos, aos que se lles entregará tralo desfile un agasallo como agradecemento pola súa colaboración.
Aberto a todas as persoas interesadas, este proceso de selección desenvolverase ao longo deste mes de outubro, no que as persoas interesadas poden acudir ata o despacho da titulación, de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 horas, onde se lles tomarán as medidas e se lle realizarán unhas fotografías. A selección final, apunta Dopico, “farase en función das necesidades do alumnado e dependerá moito da cantidade e da tipoloxía das coleccións que finalmente se presenten”, o que se definirá a finais de outubro.
“Para a escola, Debut é como unha xornada de portas abertas, un xeito de amosar o que se está a facer dentro da escola”, salienta Dopico dun desfile que se enmarca sempre dentro dunha semana de actividades, que se completa cunha serie de talleres e conferencias, e no que a exhibición dos proxectos de fin de estudos dos novos egresados e egresadas se acompaña tamén da presentación sobre a pasarela doutra serie de traballos levados a cabo polo alumnado da escola.
“Realmente para nós é unha cita moi importante”, salienta Dopico dunha iniciativa que trata en primeiro termo de facer visible o “importantísimo esforzo” que fixeron os alumnos e alumnas para os seus proxectos de fin de estudos, de tal xeito que estes non só cheguen ao seu profesorado e compañeiros senón tamén a un xurado integrado por expertos e expertas e a un bo número de representantes de empresas do sector, chegados tanto de dentro como de fóra de Galicia.
Por ese motivo, Dopico incide no valor de Debut á hora de “vincular aos estudantes coa realidade do mundo empresarial e axudalos a dar ese primeiro paso no inicio da súa vida profesional”.
Relacionadas:
-
Os paraísos artificiais impóñense en Debut 2015
Por Diego Torrado |
-
Quero a mochila Human 2.0
Por Marisa Ciordia |
-
Elena Rial amosa o seu talento baixo os focos do Ego
Por Redacción |
-
Esdemga volverá estar representada no Madrid Fashion Week
Por Redacción |
-
A colección de roupa dunha alumna de Esdemga exponse no local de Lagasca Vintage
Por Redacción |
-
O talento da Esdemga trasládase á galería Sargadelos
Por Diego Torrado |