Urxen a Patrimonio unha actuación para "garantir a habitabilidade" da igrexa de Nantes
Por Redacción
A concelleira de Seguridade Viaria, Vanessa Rodríguez Búa, mantivo unha reunión co párroco de Nantes, Samuel García, e varios veciños desta parroquia para analizar a situación na que se atopa o templo despois dos desprendementos producidos na mañá do pasado domingo.
O falso teito da igrexa caeu durante a catequese, ainda que os nenos puideron sair sen problema xusto antes da caída.
A comisión veciñal solicitou a mediación da edil de Seguridade ante Patrimonio para que autorice a execución dunhas obras de mantemento de forma inmediata, que permitan garantir a seguridade no templo e reabrilo.
É precisamente a cuestión da seguridade o que máis preocupa a Vanessa Rodríguez, que o mesmo domingo pola mañá desprazouse ao templo nada máis ter coñecemento do ocorrido, e solicitou un informe da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias sobre os danos no interior da igrexa.
"A cuberta presenta un problema serio de filtracións, que fai que as planchas se deformen e se desprendan. Foi unha sorte que ningunha das que caiu alcanzara aos rapaces que se encontraban no templo nese momento, pero a esta situación haille que buscar unha solución urxente", explica a edil de Seguridade.
Por elo, Vanessa Rodríguez prestouse a mediar ante Patrimonio para que autorice a realización dunhas obras para as que a comisión veciñal, integrada tamén polo párroco, buscaría o financiamento necesario.
E é que segundo lembraron os veciños á edil de Seguridade, Patrimonio redactara un proxecto de conservación e restauración da Igrexa de Santa Eulalia de Nantes en xaneiro de 2012, do arquitecto Iago Seara Morales, cun custo que roldaba o medio millón de euros e que, desde entón, permanece paralizado por falta de orzamento para executalo.
O proxecto, que pretende corrixir os defectos da edificación deseñada en 1964 por Alejandro de la Sota, inclúe correccións na planta, melloras construtivas e climáticas no interior, nas cubertas e fachadas, así como nos acabados interiores e exteriores, pero a comisión veciñal aposta por unha actuación máis modesta pero que permita o uso das instalacións.
E isto é o que Vanessa Rodríguez Búa trasladará a Patrimonio: a urxencia de acometer unha actuación que garanta a habitabilidade e utilidade do inmoble. "Entendemos perfectamente que se trata de un edificio protexido, pero pensamos que impedir actuacións que garantan a súa conservación fai moi pouco a favor de manter o legado dun arquitecto do prestixio de Alejandro de la Sota".