A Praza Massó de Bueu presume de escultura
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, inauguraron este sábado a escultura do marinense José Solla titulada 'Inés-Palmira'.
O conxunto escultórico quedou situado na Praza Massó de Bueu e foi elaborada en virtude dun convenio entre o Concello e a Deputación cun custo de 41.426 euros "seguindo a directriz de contribuír ao embelecemento de espazos públicos da provincia a través de pezas escultóricas que promovan o acercamento da cidadanía á arte", explicaron desde a institución provincial.
José Solla desenvolveu a súa escultura na Escola de Canteiros dependente da Deputación, traballo que está composto por dous muros de granito de cinco metros de longo por tres de alto con 284 debuxos a modo de mosaico.
Conta cun peso de 33.264 quilos e para a súa elaboración requiríronse 12,32 metros cúbicos de granito.
VISITA INSTITUCIONAL
Ademais de asistir á inauguración, Carmela Silva protagonizou unha visita institucional ao Concello de Bueu, na que se estableceron as bases "da futura colaboración entre ambas institucións para o desenvolvemento de plans de actuación do organismo provinicial no municipio do Morrazo".