Tensa comisión de economía na que se rexeitou a petición da auditoría externa das contas proposta por Marea
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A comisión de Economía rexeitou cos votos en contra do BNG, PP e Ciudadanos a proposta de Marea Pontevedra de levar a cabo unha auditoría externa sobre as contas municipais dos últimos 15 anos. O PSOE abstívose e o seu representante Iván Puentes afirmou que estarían dispostos a aprobar esta moción modificando algúns aspectos a pesar de que os socialistas formaron parte do goberno local durante os últimos anos ata as eleccións de maio de 2015.
Segundo informou o presidente da comisión, Rafael Domínguez do Partido Popular, producíronse momentos "desagradables" polo debate no que entraron Vicente García Legísima, un dos concelleiros do BNG e o portavoz de Marea, Luís Rei, cando se presentou a moción de urxencia desta agrupación sobre a realización de pregos para contratar unha auditoría que realizara unha empresa sobre as contas do Concello.
O secretario da comisión interveu para indicar que, tal e como está formulada a moción, esa auditoría atoparíase fóra de lei porque supoñería contratar un servizo externo para realizar unha actividade que desenvolven os funcionarios do Concello e que está supervisada polo Tribunal de Contas. A única opción que se podería contemplar para poder levala a cabo sería no caso de que os técnicos municipais se visen desbordados e reclamasen esa intervención dunha empresa externa, indicou Rafael Domínguez.
Máis contundente foi o concelleiro de Economía, o nacionalista Raimundo González, sinalando que esa auditoría externa implicaría un gasto para as arcas municipais superior a un millón de euros. Indicou que Marea Pontevedra está a copiar os argumentos que sostiña o PP no anterior mandato cando tamén reclamaba unha revisión das contas. González sinalou que a agrupación que lidera Luís Rei quiere "converterse nunha marca branca do PP" e engadiu que os concelleiros de Marea non asistiran á comisión especial de Conta xeral do ano 2014 onde se trataban as contas do Concello.
Noutra orde de cousas, todos os grupos rexeitaron a proposta do Partido Popular para que o goberno local rebaixase un 10% o IBI. Segundo Rafael Domínguez, trátase dunha das peticións máis demandadas polos veciños. O concelleiro popular lamentou que o grupo mixto se alíe cos nacionalistas en detrimento de os petos dos veciños de Pontevedra.
A outra proposta de Marea centrábase en que o goberno local reclame á Cámara de Comercio a devolución de subvencións ou persoarse na causa aberta contra a entidade cameral. O PSOE abstívose e o resto de grupos votaron en contra ao entender que non é o momento adecuado. Raimundo González apuntou que cando se resolva o xuízo ou cando o xulgado lles comunique a posibilidade de persoarse tomarase unha decisión respecto diso.
MAREA DESTACA AS COINCIDENCIAS ENTRE BNG E PP
Pola súa banda, Marea Pontevedra emitiu un comunicado onde sinala que a auditoría externa é "unha práctica que se está a converter en habitual en diferentes concellos, ligada á demanda cidadá de maior transparencia e á aposta pola Radicalidade Democrática". Engaden que se trata de avaliar a responsabilidade dos políticos e non dos técnicos e afirman que igual que sucedeu recentemente en Grecia, existen posibilidades reais de maquillaxe das contas públicas.
A agrupación que lidera Luís Rei rexeita a acusación de ser "marca branca do PP" como os denominou o concelleiro nacionalista Raimundo González e alegan que non son novas as coincidencias da dereita, referíndose ao Partido Popular e a Ciudadanos, co Bloque nos temas importantes como, segundo sinalan, a estrutura organizativa do concello, a actualización das contas ou a subvención á praza de touros.