Tras a nova Casa da Cultura, aproban máis de 600.000 euros en obras para Salcedo
Por Redacción
O Consello Parroquial de Salcedo aprobou este martes novas obras por valor duns 660.000 euros. Os traballos de todas estas actuacións, segundo avanza o goberno municipal, comezarán nos vindeiros meses.
Un dos proxectos abordados foi a instalación da rede de auga ao pavillón da parroquia, unha demanda histórica dos veciños. O orzamento este proxecto é duns 129.000 euros, e ten este custe pola súa complexidade debido ás cotas que ten que salvar a canalización de augas. De feito, o Concello pode facer esta obra grazas a un acordo previo acadado coa Xunta de augas e tamén coa comunidade de montes que permite o paso das canalizacións pola súa propiedade.
Outra actuación o arranxo da estrada do Carballo, dende o Cruceiro ata o Carramal, cun orzamento duns 134.000 euros. É unha actuación na que se contempla o arranxo do pavimento, a canalización das augas pluviais, e a construción dun muro de contención no lugar do Carramal. Este proxecto, que xa figuraba no plan de parroquia, está en fase de contratación e as obras poderán estar iniciadas e rematadas este mesmo ano.
O terceiro dos asuntos abordados foi o arranxo da contorna do Centro Social -que tivo un custe de 600.000 euros-, o que se denomina a creación do núcleo de centralidade parroquial de Salcedo, xa que neste ámbito atópase o IES Cabanas, CEIP Cabanas, o Centro Social, IES San Martiño, a Casa do Monte, o local de Vaipolorío e a Casa da Música. O orzamento aproximado deste investimento é de 397.000 euros.
A creación do núcleo de centralidade parroquial farase cun tratamento semellante ao do centro da cidade con prioridade peonil, construción de lombos e limitación de velocidade.
A obra comezará nunha das portas do cemiterio, pasando pola Casa de Cultura, Casa do Monte e praza do centro social, rematando na outra porta do cemiterio. Neste proxecto tamén vai incluído a unión do Centro Social coa parcela cedida pola comunidade de montes, integrando así a praza ao centro para facer espectáculos ao aire libre
A primeira en ser gozada polos veciños será a obra do Centro Social de Salcedo, cuxa inauguración está prevista para este sábado 17 de outubro, ás 19.00 horas.
Relacionadas:
-
Salcedo quere ser un modelo en centralidade parroquial para o rural
Por Redacción |
-
Salcedo estrea a súa nova Casa da Cultura
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Proxectan melloras de mobilidade, lombos incluídos, en oito vías do rural pontevedrés
Por Redacción |
-
Dous millóns de euros para mellorar a accesibilidade nas parroquias
Por Redacción |