A Facultade de Belas Artes abre as súas portas ao celebrar 25 anos de existencia
Por Redacción
A Facultade de Belas Artes cumpre un cuarto de século o vindeiro venres 30 de outubro asentada na cidade de Pontevedra e por este motivo quere abrir aos cidadáns as súas portas coa intención de mostrar as súas intalaciones e os traballos dos estudantes actuais ademais dos titulados. Así, organizouse un programa de actividades para esta xornada ao que se sumarán outras actividades como visitas guiadas ás instalacións, venda de creacións de alumnos e exposición de diferentes obras.
A decana da facultade, Silvia García, afirma que, ao tratarse do único espazo de estudos pertencente á Universidade de Vigo que se atopa no centro da cidade queren aproveitar a oportunidade de que os cidadáns poidan coñecela por dentro.
O programa contempla dúas visitas guiadas, ás 11.30 e ás 16.30 horas durante ese venres 30 ás que poderá acudir calquera persoa interesada. Silvia García sinala que as visitas permitirán que os pontevedresese poidan coñecer o interio dun edificio histórico con gran presenza na cidade e que inclúe, segundo a decana, moito máis que aulas.
Ademais, esa xornada poderanse ver mostras de traballo realizado por alumnos e titulados dentro do Proxecto Vitrinas, unha serie de módulos con pezas de pequeno formato. Tamén, entre outras propostas, atópase aberto un proceso de recepción de proxectos que poidan reproducirse dixitalmente como pinturas, ilustracións ou fotografías para que formen parte dunha exposición itinerante do 25 aniversario, que en febreiro de 2016 estrearase na Facultade de Belas Artes de Porto.
Celebrarase tamén un seminario sobre teatro de obxectos impartido por Ignacio Vilariño, da compañía Fantoches Baj. Ás 12.30 horas desa xornada participarán os diferentes decanos cos que contou a Facultade durante estes 25 anos de historia.
A partir das 19.00 horas desenvolverase o acto institucional no salón de actos que contará cunha intervención artística por parte do alumnado da materia Proxectos de debuxo e pintura.