Instalan unha caldeira de biomasa nos xulgados de Marín
Por Redacción
Os xulgados de Marín están de estrea. A Xunta de Galicia acaba de instalar neles unha caldeira de biomasa que, segundo sinala o goberno, permitirá o aumento do confort nas instalacións e un notable aforro enerxético.
Esta actuación conxunta entre as consellerías de Administracións Públicas e Economía e Industria supón un investimento de 200.000 euros -inclúense outras catro caldeiras en Ortigueira, Xinzo de Limia, Mondoñedo y Barco de Valdeorras-. Permitirá un aforro en gasóleo en torno ao 50 por cento do consumo actual deste combustible.
A Xunta é a responsable do mantemento das infraestruturas xudiciais e dos complexos administrativos de todo o país. No exercicio desta competencia está a promocionar a substitución daqueles equipamentos térmicos que empregan combustibles fósiles ineficientes e altamente contaminantes por novas fontes de enerxía.
Forma parte da estratexia integral de impulso da Biomasa 2014-2020, que está desenvolver o goberno galego para incentivar o consumo práctico deste combustible autóctono, menos contaminante que permite colaborar no desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia e na redución dos riscos de incendios forestais.
Esta medida, recorda a Xunta, ten múltiples beneficiarios. Dunha banda, os empregados e usuarios dos edificios públicos, que contarán con caldeiras máis modernas e un aumento do grado de confort nas épocas de frío; e doutra banda, a propia Administración porque o combustible que empregan estes equipamentos térmicos supón un custe moito menor ao gasóleo.