A Lama constrúe a súa propia nave de xestión de residuos sólidos
Por Redacción
Antes de que finalice este mes de outubro terán que estar rematadas as obras da nave municipal da Lama para xestionar os residuos sólidos, segundo informa o Concello.
O alcalde Jorge Canda indicou que logrou unha subvención de case 120.000 euros da consellería de Industria, para esta construción de ao redor de 200 metros cadrados de superficie que se está levantando no polígono industrial de Racelo para favorecer a xestión de residuos producidos no municipio. Ademais, a nave servirá para manter a maquinaria e utensilios usados na recollida de lixo.
Canda visitou as obras e destacou que con esta iniciativa poderase avanzar na política de recollida de residuos sólidos urbanos para prestar un mellor servizo aos veciños da Lama, independentemente de onde resida dentro do municipio.