A presidenta da Deputación invita a Jacobo Moreira a "googlear" para entender o que é unha área metropolitana
Por Anxo Lourido
A presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, considera gravísimo que o Partido Popular utilice todo politicamente para enfrontar aos territorios en relación ás críticas efectuadas polo portavoz do PP pontevedrés, Jacobo Moreira, sobre unha posible intención de crear unha quinta provincia a través da área metropolitana de Vigo.
Carmela Silva convidou ironicamente a Moreira a que entre en Google para que vexa en que consiste unha área metropolitana vendo como funciona a de Barcelona. Ademais tamén lle recomenda que fale co presidente da Xunta de Galicia, porque a área metropolitana é un tema que regula a administración autonómica.
"É tan infantil a busca deste debate falso", sinalou a presidenta provincial que insistiu en que os distintos concellos téñense que complementar e non entrar en debates de confrontación que non benefician a ninguén. E reiterou que falta nivel político por parte do Partido Popular.
VINDEIRO PLENO
O vindeiro mércores 28 de outubro celebrarase o pleno da Deputación, adiantándose para non coincidir o venres 30 coa asemblea constitutiva da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) que presidirá o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
O pleno de outubro contará con varias intervencións de catro colectivos. A Federación Galega de Mulleres, unha representación dos emigrantes retornados, a asociación de veciños de Campelo e os Bombeiros forestais intervirán nesta sesión que dará paso ao debate político coas mocións sobre violencia machista, situación dos emigrantes retornados, a urbanización de Campelo en Poio, a pobreza enerxética e as necesidades dos bombeiros forestais.
Relacionadas:
-
Lembran a Jacobo Moreira que é o PP quen dará cobertura legal á capitalidade de Vigo
Por Oskar Viéitez |
-
Moreira aporta agora oito ataques á capitalidade nos que Lores se "puso de perfil"
Por Redacción |
-
Lores a Moreira sobre a capitalidade: "A área metropolitana de Vigo é un bluff. Quen dividiu a provincia foi o PP"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP acusa a Lores de permitir os ataques de Caballero á capitalidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |