Apelan á colaboración cidadá para romper a lei do silencio que impera nos mercadiños
Por Oskar Viéitez
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello Bufill, fixo este luns un chamamento á colaboración cidadá "garantizando la confidencialidad" daquelas informacións que axuden a resolver a situación de conflito que se vive entre os ambulantes da provincia.
"Aquí se va a aplicar el imperio de la ley", declarou Antonio Coello, "no va a haber temas opacos ni gente que caiga en la impunidad".
Coello reuniuse, esta mañá, coa Asociación de Vendedores Ambulantes do Morrazo (ASVAM) e a Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos (AGAA) para "lanzar un mensaje de tranquilidad" ante o "alto nivel de preocupación" destes traballadores.
O subdelegado estivo acompañado polos máximos responsables na provincia da Policía Nacional e da Garda Civil.
Coello asegurou que as Forzas de Seguridade están a facer un seguimento deste conflito "desde el minuto uno", é dicir, desde o pasado mércores 21 de outubro cando unha persoa de 37 anos, de etnia xitana e pertencente ao clan dos zamoranos, resultaba ferida nunha perna nun tiroteo producido esta tarde na VG-20 ao seu paso polo túnel de Valladares, cando regresaba o mercadillo da Bouza, no barrio vigués de Coia.
"Nós non imos permitir que un personaxe ou unha banda non nos deixe traballar libremente", din os ambulantes
Desde o pasado día 22 está a traballar "por primera vez" un órgano de traballo conxunto entre Policía Nacional e Garda Civil, "para hacer un seguimiento de la evolución de este gravísimo suceso". Esta comisión de investigación "está a disposición de la Fiscalía", sinalou Coello Bufill.
Pero ademais da acción das Forzas de Seguridade, o subdelegado sinalou que na solución deste problema están implicadas outras dúas partes como son os concellos e a Fiscalía. O representante gubernativo lembrou que a regulación dos mercadiños "es una competencia exclusiva de los concellos" e tamén sinalou que este luns transmitiu ao fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, "nuestra colaboración".
NON TEMOS MEDO
"Nós non imos permitir que un personaxe ou unha banda non nos deixe traballar libremente e non nos deixe exercer os nosos dereitos como cidadáns", dixo a presidenta Asociación de Vendedores Ambulantes do Morrazo (ASVAM), María del Carmen Viéitez.
Estes ambulantes pediron ao subdelegado "que a lei actúe para acabar con todas estas mafias que ameazan e prexudican á cidadanía".
Neste sentido os representantes dos ambulantes aseguraron que acudirán ás feiras para traballar porque "non temos medo", e dirixíndose ás forzas da orde esixiron "que ninguén mire para outro lado e que se aplique a mesma lei para todos", Carmen Viéitez.
Para o presidente da Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos (AGAA), Jesús Romero Alvite, a solución deste conflito é que os concellos "deixen traballar no mercadiño a aqueles que teñan autorización á vista".