Piden seis anos de prisión a un veciño de Caldas por estafar a súa ex muller tras o divorcio
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro martes a Mario G. P., un veciño de Caldas de Reis, acusado dun delito continuado de estafa á súa ex muller producido tras o divorcio. A Fiscalía pide para el seis anos de prisión.
O escrito de acusación do Ministerio Público sinala que tras o divorcio, en febreiro de 2007, e para axilizar os trámites, a muller outorgou ao acusado un poder notarial para que puidese liquidar o patrimonio común, entre o que se atopaba un piso na Tafona.
Con todo, o acusado serviuse deste poder notarial para facer fiadora ao súa exmuller nun contrato de arrendamento financeiro por importe de 47.361 euros para adquirir un camión. O home non pagou as mensualidades convidas de tal forma que o xulgado acabou condenando ao acusado e á fiadora a pagar o importe do arrendamento máis as costas e os intereses, que foron fixadas en 25.357 euros, diñeiro que abonou a exmuller do acusado.
A fiscalía engade que, tres anos máis tarde, o acusado constituíu un préstamo por importe de 85.000 euros garantido con hipoteca constituída sobre a vivenda da Tafona da que era copropietario.
Ademais dos seis anos de prisión o representante do Ministerio Público reclama que se declare a nulidade da escritura de hipoteca e a súa cancelación rexistral, así como a nulidade do contrato financeiro de 2007. Obviamente, tamén pide a devolución de todo o diñeiro. En total 132.000 euros.