Cinco centros educativos da cidade imparten as materias de libre configuración da Xunta
Por Redacción
O alumnado de cinco centros de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato do término municipal de Pontevedra cursan as novas materias de libre configuración autonómica propostas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o actual curso académico 2015/2016 . Trátase do Luis Seoane, Gonzalo Torrente Ballester, Sagrado Corazón de Jesús de Placeres, A Xunqueira II e Valle Inclán.
En toda a comunidade, un total de 4.916 alumnos cursan estas materias impartidas ao abeiro da implantación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Segundo os datos recompilados pola Xunta, en Galicia a que máis matriculados rexistra é de Investigación e Tratamento da Información, seguido de Oratoria e a de Programación.
As materias ofertadas son, en ESO, Educación financeira, Investigación e Tratamento da Información, Paisaxe e sustentabilidade, Programación, Promoción de Estilos de Vida Saudable e Xadrez. En Bacharelato, impártense Antropoloxía, Literaturas Hispánicas e Robótica.
A maiores, cada centro puido ofertar as súas propias materias para completar o horario lectivo, tanto en Primaria como na ESO e Bacharelato. O obxectivo é ofrecer aos centros de ensino unha maior autonomía á hora de axeitar a súa oferta educativa ás necesidades de reforzo de materias que perciben no seu alumnado.