Deteñen un mozo con 70 antecedentes policiais por roubar dous móbiles e cartos
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un mozo de 36 anos natural de Ourense por roubar dous teléfonos móbiles e 190 euros en efectivo a dúas traballadoras da pastelería Acuña da rúa Michelena.
Con esta detención, o mozo pasa a aumentar un historial delituoso xa de seu amplo. Cónstanlle ata 70 reseñas policiais por feitos similares de varios corpos policiais e na propia Comisaría do Corpo Nacional de Policía detivéronlle xa en varias ocasións. Ademais, ten tres ordes de investigación de domicilio e paradoiro emitidas por xulgados de Lugo e Ourense.
Nesta ocasión detivérono por un delito de furto que presuntamente cometeu sobre as 18.55 horas deste luns 2 de novembro. Por estes feitos xa prestou declaración ante o Xulgado de Garda e quedou en liberdade.
O mozo presuntamente accedeu ao cuarto do persoal da citada pastelería e de alí subtraeulle os móbiles e o diñeiro. As dúas empregadas quedaron coa súa descrición física, chamaron á Policía Nacional e facilitáronlla, de modo que os axentes realizaron unha batida pola cidade para tratar de localizarlle.
Finalmente, foi interceptado polos axentes na zona do poboado do Vao. No momento da súa identificación levaba na man uno dos teléfonos subtraídos, valorado en 599 euros, e tentou ocultalo debaixo dunhas pedras sen éxito. Ademais, os axentes interviñéronlle o outro teléfono móbil que levaba oculto nun peto do pantalón e 50 euros que escondía nun calcetín.
Tras preguntarlle pola procedencia dos obxectos respondeu de forma espontánea aos axentes que os acababa de subtraer nun local da cidade e díxolles onde escondera a carteira dunha das empregadas. Foi detido e trasladado á Comisaría.