Un policía fóra de servizo sorprende in fraganti dous menores nun roubo e permite a súa detención
Por Redacción
Un axente da Policía Nacional fóra de servizo facilitou o día 1 de novembro que os seus compañeiros que si estaban operativos detivesen a dous menores como presuntos autores dun roubo con forza nunha inmobiliaria da rúa Sagasta. Tras a súa detención, a un deles recolleuno súa nai e o outro foi entregado aos servizos de menores da Unidade Adscrita da Policía Autonómica.
Todo ocorreu sobre as 8.00 horas, cando o axente acababa de saír da súa quenda de traballo no servizo de noite e circulaba pola rúa Sagasta. Observou a dous individuos novos, un deles agarrando unha porta en actitude vixiante, e xeroulle sospeitas, de modo que aparcou o seu vehículo e dirixiuse ao lugar comprobando que a porta do establecemento estaba forzada.
Tras comunicar á sala do 091 o que ocorrera deu unha volta polas inmediacións para tratar de localizar aos dous mozos, aos que atopou na parada de autobús da praza de Galicia. En colaboración cunha patrulla que se presentou no lugar procederon á identificación dos mozos que resultaron ser menores de idade e á súa detención por un delito de roubo con forza.
Os dous menores son veciños de Marín e teñen antecedentes policiais. Un tiña en vigor unha orde de detención decretada polo Xulgado de Menores de Pontevedra e os axentes incautáronlle un teléfono móbil que levaba oculto na súa roupa interior e do que non puido acreditar a súa procedencia.