Se viaxas con British Airways en clase business poderás gozar dun albariño de Sanxenxo
Por Redacción
Unha viaxe coa compañía británica British Airways nun asento de clase Business xa supón, de entrada, unha experiencia apetecible para a práctica totalidade do viaxeiro. Se se rega o menú cun viño albariño, o resultado mesmo mellora. Non se trata dunha viaxe soñada, é algo posible e o viaxeiro que o realice poderá degustar un viño da adega de Sanxenxo Adega Eidos.
Segundo informou a propia empresa, Adega Eidos superou unha rigorosa selección e forneceu á compañía británica coa súa colleita 2013 para sevir en todos os seus voos de traxecto internacional e para business class. O viaxeiro pode gozar dun dos seus viños insignia, Eidos de Padriñán, pertencente á Denominación de Orixe Rías Baixas.
Adega Eidos é unha empresa de carácter familiar que elabora viños monovarietales que é habitual que aparezan en guías especializadas como Peñin ou Wine Advocate de Robert Parker. Leva máis de 15 anos na D.O.
Cunha produción limitada de 50.000 botellas anuais para os seus tres viños, Eidos de Padriñán, Veigas de Padriñán e Contraaparede, esta adega concentra as súas vendas na exportación ao que se destina máis do 70% da súa colleita anual, elaborada de forma case exclusiva con uva da parroquia de Padriñán, en Sanxenxo fornecida por 30 produtores locais.
O menú que serve British Airways en Business ou Club Word está inspirado nalgúns dos xefes de cociña máis prestixiosos do mundo.