Bueu agarda por dous informes para aprobar o PXOM
Por Redacción
Falta pouco para que Bueu poida aprobar provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deste Concello xa que a próxima semana recibirán o informe de Patrimonio polo que estaba a esperar o goberno local.
Así llo comunicaron na mañá deste luns, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e a directora de Patrimonio, María del Carmen Martínez, ao alcalde de Bueu, Félix Juncal e ao concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva, durante unha entrevista mantida en San Caetano. Desde a Consellería comprometéronse a acelerar os trámites que permitan tramitar o documento urbanístico.
Segundo o goberno local de Bueu, o conselleiro e a directora adiantaron que o informe será favorable aínda que detallarán varias cuestións a ter en conta. En todo caso, á espera de que tamén nestas próximas semanas chegue a memoria ambiental, o alcalde de Bueu espera que se poidan levar a cabo os trámites de aprobación antes de que finalice este 2015.
Unha vez que se aprobe o plan provisionalmente será enviado ao departamento de urbanismo da Xunta de Galicia. A administración autonómica será a encargada de aprobala definitivamente e de proceder á súa publicación, para que entre en vigor. Juncal entende que en marzo de 2016 Bueu contará cunha novo PXOM se se cumpren todos os prazos.