Un veciño de Cuntis sofre feridas de gravidade nunha perna ao quedarlle atrapada no motocultor
Por Redacción
Un veciño de Cuntis, de máis de 40 anos, tivo sorte de non perder a perna cando traballaba nunha leira nunha zona próxima ao monte na zona do Pazo cando o motocultor que manexaba golpeou un pau e envorcou de maneira que as fresas da máquina engancharon unha das pernas do home provocándolle unha ferida de 25 centímetros.
Segundo manifestaron efectivos de Protección Civil de Cuntis, o accidente producíase sobre as 15.30 horas deste martes 10 e ata o lugar desprazouse o helicóptero do Servizo de Emerxencias do 112 por se era necesario o traslado da vítima. Con todo, o médico que atendeu ao accidentado considerou que non era necesario o traslado aéreo e unha ambulancia do 061 transportou ao ferido ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
Segundo as mesmas fontes, o exceso de confianza provoca este tipo de accidentes nesta época do ano no que se retiran as pezas das rodas dos motocultores para que sexan menos anchas e se poida traballar nos terreos de cultivo de millo. Pero desta maneira as máquinas perden estabilidade, sobre todo en terreos con pendentes fortes, como sucedeu neste caso.