O PP de Ponte Caldelas considera unha "temeridade" a retirada dos bolardos nas beirarrúas da vila
Por Redacción
O Partido Popular de Ponte Caldelas denunciou que a retirada dos bolardos protectores da rúas da Igrexa, Emigrante, Marín e a praza de Cotobade "pon en grave perigo aos peóns que pasan por estas rúas", xa que a beirarrúa e a vía para vehículos discorren á mesma altura sen que haxa ningún elemento que os separe para evitar a invasión da beirarrúa por parte dos coches.
Nos próximos días o Partido Popular de Ponte Caldelas preguntará por escrito ao tripartito se encargou algún estudo de seguridade ou informe da Policía Local sobre o risco que esta medida supón para os veciños do municipio.
Ademais engaden que desde que se procedeu á retirada dos bolardos moitos vehículos estacionan na beirarrúa "impedindo o paso aos peóns e un normal acceso á vivendas e comercios situados na zona".
Desde o Partido Popular quérese manifestar que "no caso de que os bolardos poidan causar algún problema debido o seu pequeno tamaño, poden substituírse por outro modelo de maior tamaño que permita unha maior visibilidade do obstáculo, pero cremos que non se debe proceder á súa retirada."
"Chamarlle a isto mellora da humanización da rúas é inaudito, humanizar é poñer a rúa ao servizo dos peóns non que os coches poidan aparcar nas beirarrúas, sorpréndenos especialmente que o BNG apoie a Andrés Díaz neste tema", conclúen.