Lores pide ao novo conselleiro de Sanidade que retome a ampliación de Montecelo

Por Alejandro Espiño
Despois da manifestación celebrada o pasado venres, na que miles de pontevedreses esixiron á Xunta de Galicia que desbote o proxecto do novo hospital de Monte Carrasco e retome a ampliación de Montecelo, transcendeu que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu nos últimos días unha carta ao novo conselleiro de Sanidade para solicitarlle unha reunión para abordar a situación da área sanitaria norte.
Nesta comunicación dirixida a Jesús Vázquez Almuíña, o alcalde asegura que a cidade de Pontevedra está "especialmente preocupada", igual que os municipios da área sanitaria, pola "deriva" que está a ter a sanidade pública.
Dentro de esta situación apela, especialmente, aos últimos recortes da Xunta que provocaron a derivación de pacientes a Santiago e Vigo en determinadas especialidades, a redución de camas, o menor número de traballadores ou a deterioración das instalacións.
Todas esas cuestións, cre Fernández Lores, deberían ser tratadas nesta entrevista. Pero nela, sobre todo, o rexedor quere trasladarlle o interese de Pontevedra e a súa comarca "por desbotar o non nato" proxecto de hospital en Monte Carrasco.
Asegura que o máis acaído sería recuperar a planeada ampliación de Montecelo para o que, recorda, "xa existían estudos técnicos, consignación económica, plan director e terreos".
Miguel Anxo Fernández Lores finaliza esta carta ao conselleiro, con data do pasado 12 de novembro, apuntando que sempre "defendín a optimización de recursos" nos organismos públicos, pero sinala que estas políticas "non teñen por que estar enfrontadas coa prestación de servizos básicos e esenciais para a poboación coas mellores garantías sanitarias".
Relacionadas:
-
O conselleiro de Sanidade presentará unha fórmula de consenso hospitalario para Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Demandan á Xunta que amplíe o Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Miles de persoas piden na rúa que Pontevedra deixe de ser "unha área sanitaria de segunda"
Por Cristina Saiz & Diego Espiño |
-
Os enfermeiros acusan a Sanidade de crear un grave problema asistencial na provincia de Pontevedra
Por Redacción |
-
O xerente do CHOP considera "un parche" a ampliación do hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez |