A Lama aproba unha tranferencia de créditos para pagar a provedores e os gastos de desprazamento do alcalde
Por Redacción
A corporación municipal da Lama aprobou en sesión extraordinaria, cos votos a favor do PPdeG e Cidadáns e o voto en contra do PSdeG-PSOE, o pagamento de varias facturas de provedores locais mediante a modificación de créditos por transferencia entre partidas de diferente área de gasto e que non afectan a altas e baixas de créditos de persoal.
Este punto contou coa oposición do voceiro do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro, por incluir entre os pagamentos que se afrontarán con eses cartos os gastos de desprazamento do alcalde, Jorge Canda, dos meses de xullo, agosto, setembro e outubro que rondan os 1.000 euros ao considerar que coa suba do seu soldo, aprobada a principios da presente lexislatura, debía renunciar ao cobro dos traxectos e peaxes.
Pola súa banda, o voceiro de Ciudadanos, Andrés Cal, dixo comprender os argumentos de Enrique Vaqueiro, pero tamén sinalou que de non aprobarse esa modificación de créditos moitos provedores locais se verían perxudicados á hora de cobrar as facturas remitidas ao Concello.
Finalmente, o Partido Popular manifestou que o normal en calquera concello é pagar as viaxes de traballo de calquera funcionario ou alcalde cando se empregan en realizar xestións relacionadas coa actividade municipal. “Estes gastos corresponden a xestións que fai o alcalde fóra do municipio, moitos deles en reunións que realiza en Santiago para conseguir subvencións e investimentos que repercuten positivamente no noso concello e, consecuentemente, nos veciños e veciñas de A Lama”.