O Partido Popular crea na súa sede unha oficina de atención aos prexudicados polo "acoso" fiscal
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular habilitará na súa sede unha oficina de atención aos prexudicados polo "acoso fiscal do Concello de Pontevedra". Os populares ofrecéronse a xestionar as alegacións dos veciños.
Este é o compromiso que lle comunicou persoalmente o portavoz do PP, Jacobo Moreira, aos veciños de Campañó, nunha reunión que mantivo con eles xa que se trata da parroquia na que se iniciou a nova inspección fiscal.
Hai unhas semanas, o Concello de Pontevedra anunciou a posta en marcha dunha nova inspección fiscal, nesta ocasión, relativa á prestación do servizo de xestión da rede de saneamento municipal. Segundo Moreira, debido a esta inspección os veciños do rural están a recibir cartas cos recibos por un servizo de saneamento que non recibiron xa que non están conectados ao mesmo.
Aquagest-Viaqua está a enviar estas misivas nas que advirte que a partir de agora lles cobrará o servizo de saneamento, pero ademais lles remiten os recibos polos últimos catro anos, algo que ao Partido Popular non lle parece xusto.
"Estas cartas, están a ser remitidas non só aos veciños que teñen a conexión ao carón das súas vivendas, senón tamén aos que a teñen moi lonxe e con moitas dificultades para acadalo", denunciou Jacobo Moreira.
"A medida adoptada polo goberno de Lores non é equitativa", denunciou Jacobo Moreira, "non poden aplicarse as mesmas obrigas a un veciño que conta cunha conexión á rede de saneamento diante da súa casa, que a outro veciño que ten que atravesar unha leira privada, ou ten que instalar unha bomba para salvar un desnivel e poder conectarse ao servizo de saneamento", matizou o portavoz popular.
"Hai veciños que terán que asumir unha inversión que pode chegar aos 20.000 euros para poder conectarse á rede. Casos diferentes non poden ser tratados do mesmo xeito", apuntou Jacobo Moreira.
Ademais, o PP instará ao Concello a que desista de cobrar con efectos retroactivos os recibos dos últimos catro anos, e estudarán a posibilidade de presentar unha modificación da ordenanza de inspección fiscal para que "sexa máis igualitaria e poña fin as discriminacións entre veciños de primeira, e veciños de segunda", sentenciou o portavoz popular.