Deteñen tres homes sorprendidos pola Garda Civil nun control en Vilaboa con 56 landras de haxíx
Por Redacción
A Garda Civil detivo tres homes de entre 31 e 47 anos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas tras ser sorprendidos durante un control rutineiro na estrada N-550 en Vilaboa en posesión de 56 landras de haxix.
Os detidos son A.E., de 47 anos de idade e veciño de Soutomaior; A.L., de 40 e con domicilio en Poio; e H.K., de 31 e veciño de Vilaboa. Os tres son de nacionalidade marroquí e ían no mesmo coche na tarde noite do venres día 20, cando a Garda Civil realizaba un dispositivo operativo de carácter preventivo no lugar de Paredes.
Varias patrullas de distintas unidades da compañía de Pontevedra, o destacamento de Tráfico de Vilaboa e o servizo cinolóxico pararon un turismo Mercedes modelo 250D no que viaxaban os tres e estes mostraron, segundo a Garda Civil, "certo nerviosismo inusual", de modo que lles identificaron e rexistraron o coche.
Os tres homes levaban 1.295 euros e o can detector de estupefacientes atopou na aleta dianteira dereita, concretamente no pase de roda, droga oculta. Había un oco e, dentro do mesmo, un calcetín con 56 landras plastificadas de haxix, que arroxaron un peso total de 586 gramos.
Os detidos, que carecen de antecedentes policiais, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Cangas do Morrazo e quedaron en liberdade con cargos.