O cambio climático fará aumentar os lumes forestais de maior intensidade
Por Redacción
O investigador José María Fernández, defendeu na Escola de Enxeñaría Forestal a súa tese de doutoramento, que centrou nos lumes en copa, caracterizados pola intensidade dunhas lapas capaces de ir saltando de árbore en árbore para rapidamente afectar a grandes extensións de terreo.
Ademais de propor unha serie de medidas que permitirían unha mellor prevención fronte a este tipo de incendios, o estudo de Fernández permitiu tamén identificar os puntos nos que este tipo de lumes son máis probables, como as masas de piñeiro silvestre, as zonas de maior altitude e diferentes puntos do interior de Galicia, onde “baixo un escenario de cambio climático”, como sinala Fernández, “é previsible” que estes lumes “ocorran cunha maior incidencia nun futuro”.
Este investigador elaborou a súa tese no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, baixo a dirección de José Antonio Vega.
Trátase dun tipo de lume forestal que se caracteriza “polo seu maior impacto económico, por supor un maior risco para os núcleos de poboación, pola dificultade da súa extinción, debido ao seu comportamento extremo e en ocasións errático, e polo seu altísimo impacto ecolóxico”, como sinala Fernández que, non obstante, recoñece que a pesares disto, esta tipoloxía de incendios forestais non esta aínda o suficientemente estudada.