Os Palleiros ilustra o seu calendario 2016 con selfies de familias e cans adoptados
Por Redacción
A asociación Os Palleiros puxo en marcha unha nova campaña especial de recollida de fondos, que este mes de decembro terá dous protagonistas principais: un calendario solidario de 2016 que xa está á venda e un rastro solidario o día 20 na praza de Ourense.
Carmen Vázquez e Gloria Cubas, de Os Palleiros, presentaron a campaña este xoves acompañadas pola concelleira Pilar Comesaña e rodeadas dos efectos utilizados para recadar fondos que lles permitan sufragar os gastos da protectora de animais de Campañó, que eles xestionan e na que hai na actualidade 117 cans adultos, 18 cachorros e varios cans en acollida.
Os animais adoptados ao longo do último ano e as familias que llos levaron son os protagonistas do calendario 2015, no que este ano optaron por incluír selfies que previamente pediran aos adoptantes. Inclúense unhas 90 fotos distintas, seis por mes e 18 en portada.
O rastro solidario do 20 de decembro será entre as 11.00 e as 19.00 horas e ten como obxectivo recadar fondos, pero tamén outro tipo de elementos que necesitan no seu día a día para atender aos cans, tales como pipetas, colares, comida, medicamentos... As persoas que realicen un donativo poderán poderán colgar nunha árbore de Nadal de gran tamaño unha foto dun can.
Ademais, están a vender rifas e deseñaron novo material promocional. Así, ás habituais sudadeiras dos Palleiros á venda a 25 euros, sumáronse forros polares que se venden a 20 euros.