A Casa das Campás acollerá este xoves as X Xornadas Anuais de Cooperación
Por Redacción
O próximo xoves 3 de decembro a Casa das Campás acollerá as X Xornadas Anuais de Cooperación que anualmente organiza o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e que nesta ocasión estará concentrado na experiencia do seu programa de voluntariado "Vacacións con Traballo", que se achega ao seu décimo aniversario.
"Vacacións con Traballo" é un programa que desde 2006 impulsa o Fondo Galego de Cooperación cara aqueles funcionarios ou técnicos da administración pública local que estean interesados en participar, durante un mes, nos países onde teñen proxectos de cooperación, actualmente Nicaragua e Cabo Verde.
Nestas xornadas contarán coa presenza de participantes do mundo sindical (CC.OO, CIG, CSI-F), dalgúns dos voluntarios que participaron neste programa desde 2006, de representantes de dúas Cámaras Municipais de Cabo Verde (Santa Cruz e Ribeira Grande de Santiago) onde desenrolan proxectos de cooperación; e finalmente cunha representante do Fondo Estremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento (FELCODE), que conta cunha experiencia similar a nivel estatal.
Neste sentido, estas xornadas servirán para albiscar novas fórmulas para procurar a participación dos traballadores da administración local.
Así mesmo, os participantes poderán gozar dunha actuación do grupo teatral A Tropa de Trapo, dunha degustación de café de comercio xusto e da inauguración da exposición ‘Nicaragua: O futuro’, de Felipe Carnotto, gañador do concurso fotográfico Imaxes con Fondo II que impulsa o Fondo Galego de Cooperación.