O PP asegura que as nóminas do "mini" Plan de Emprego da Deputación son de "miseria"
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular criticou o "mini" Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra, pola súa "improvisación" e polos seus salarios de "miseria".
Os portavoces populares Nidia Arévalo e Ángel Moldes presentaron en rolda de prensa as nóminas dos traballadores contratados a través deste plan mostrando que "non chegan aos 700 euros" polo que dixeron que "estes si que son soldos de miseria".
"Dicían que co PP tiñan soldos de miseria, e os traballadores cobran co novo plan de emprego 5 euros por hora, exactamente a mesma cantidade que cobraban co anterior", apuntaron.
O PP acusa á presidenta da Deputación de "enganar" aos traballadores cando anunciou que o novo Plan de emprego tería "soldos dignos" mentres criticaba as condicións do plan do anterior presidente, Rafael Louzán.
Nidia Arévalo lembrou que a "gran crítica" do goberno bipartito cara ao plan de Louzán foi "que case era unha explotación, que eran salarios de risa, non dignos", lembrou. Os populares defendéronse destas críticas indicando que "o importe que se lles está pagando é o mesmo que co presidente anterior". En concreto, o prezo da hora de traballo co goberno bipartito PSOE e BNG é de 5,04 euros e co Partido Popular foi de 5,05.
Os custos tamén foron iguais para os concellos, 2.976,74 euros pola revisión médica e o equipamento dos traballadores. A diferenza que subliñaron os deputados do PP é que o plan de emprego de Rafael Louzán duraba 6 meses mentres que o do goberno presidido por Carmela Silva é de só dous meses.
Nidia Arévalo achegou datos das persoas que traballaron no Concello de Mos, de onde é alcaldesa, revelando que o soldo bruto por xornada por 35 horas semanais é de 706,26 euros, mentres que co PP no goberno da Deputación o salario era de 505,79 euros por 25 horas semanais.
"O plan de Louzán era moito mellor que este que é moito máis miserable", sentenciou Ángel Moldes.
Os deputados do PP lembraron que este plan non ten posibilidade de prórroga e que xa advertiran destas circunstancias. Ademais precisaron que os propios alcaldes, entre outras queixas, sinalaran a inconveniencia das datas nas que se levou a cabo o plan.
Finalmente Nidia Arévalo pediu a Carmela Silva "que se deixe de improvisar medidas como esta porque o único que trae son números negativos para os concellos de Pontevedra".
Relacionadas:
-
1.500 persoas comezan a traballar na provincia a través do Plan de Emprego da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación ocupa a máis de 1.500 persoas co último Plan de Emprego aprobado
Por Redacción |
-
Os 62 concellos da provincia de Pontevedra apúntanse ao Plan de Emprego da Deputación
Por Oskar Viéitez |