PP, PSOE e Ciudadanos fan un 'plante' á xunta de portavoces
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os grupos políticos municipais do Partido Popular, Partido Socialista e Ciudadanos, fixeron un 'plante' á xunta de portavoces que se celebrou este xoves tan só coa presenza do BNG e Marea, e na que se convocou para o vindeiro luns día 7 o pleno dos orzamentos.
A reunión fora convocada con menos de 24 horas de antelación, para as nove da mañá.
O líder do PP local, Jacobo Moreira, explicou sobre a súa ausencia na xunta de portavoces que "no aceptamos esta forma de convocar a la oposición, con menos de 24 horas y por whatsApp".
Ademais lembrou que o goberno local "está obligado a pactar" e con todo "nunca nos llamaron para negociar el presupuesto". Finalmente asegurou que o vindeiro luns "asistiremos al pleno".
O concelleiro de Marea, Luís Rei, criticou aos edís do PP e PSOE porque "o orzamento non é un tema menor" e no caso destes dous partidos "cobran dedicacións exclusivas, polo que non teñen xustificación".
Luís Rei mostrouse disposto a acordar un novo 'plante' co resto dos grupos da oposición se o que se quere denunciar é o "grave déficit democrático no funcionamento do concello", pero sinalou que neste caso os grupos non falaron de ningún tipo de protesta conxunta por este motivo.
A concelleira de Ciudadanos, María Rey, escusou a súa presenza asegurando que "tenía que llevar a los niños al colegio" e igualmente, reprochou as presas nesta convocatoria "o goberno ten que darse conta que está en minoría e que debe contar coa oposición", dixo.
Ambas as formacións, Marea e Ciudadanos anunciaron que votarán en contra do orzamento presentado polo BNG. Tamén PP e PSOE adiantaron o seu voto en contra. De modo que o pleno celebrarase en metade da ponte festiva cunha previsión negativa para os intereses do goberno local que, se asisten todos os concelleiros e cada un cumpre o anunciado, non conseguiría aprobar o seu orzamento.
"Eu non fago cábalas", contestou o portavoz do BNG, Raimundo González ante este probable escenario, cualificando de "cantamañanada" o 'plante' da oposición.
Se os orzamentos non son aprobados antes do próximo ano serían prorrogados automaticamente. Isto supón, entre outros efectos, que non se poden introducir novos gastos, polo que o goberno local non podería dispoñer dos 11 millóns que as contas para o próximo ano destinan ao capítulo de investimentos.
"Estarían a votar en contra dun plan de emprego de 11 millóns de euros como mínimo", argumentou Raimundo González nun órdago dirixido á oposición "iso si que é unha auténtica xeración de postos de traballo", engadiu en referencia ao "efecto multiplicador" que teñen sobre a economía local os investimentos públicos.
Por que se arrisca o goberno local a que o Pleno rexeite as súas contas? Existe algún acordo con outro partido? O portavoz do BNG tan só afirmou que o goberno local ten "a man tendida" e que "non podemos anticipar o que vai a pasar".
Iso si, todos son conscientes de que a prórroga de orzamentos xera unha parálise económica e un estado de inseguridade xurídica que son moi prexudiciais para a xestión do municipio en xeral.
Relacionadas:
-
O BNG aproba os orzamentos de 2016 ao aproveitar a ausencia dun concelleiro do PP
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O BNG poderá aprobar o presuposto grazas ao ingreso hospitalario dun concelleiro do PP
Por Redacción |
-
A división da oposición facilita o ditame favorable dos orzamentos municipais
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
A oposición ten 72 horas de prazo para facer as súas emendas ao orzamento municipal
Por Redacción |