Propoñen crear un consello veciñal de protección animal e convivencia
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera quere que Pontevedra sexa a próxima urbe do estado español en constituír o Consello Municipal de Protección Animal e Convivencia, unha ferramenta participativa coa que propoñen impulsar as políticas locais contra o abandono e os malos tratos animais.
Esta fórmula xa funciona con éxito en Zaragoza, Barcelona e Vitoria-Gasteiz, onde se converteu nun órgano consultivo a través do cal as asociacións protectoras, colectivos veciñais e outras entidades, xunto cos gobernos municipais, expoñen cuestións relacionadas co benestar animal e a convivencia cidadá, por exemplo o acceso de animais domésticos ao autobús, no caso maño, ou as próximas campañas de sensibilización, como sucede na capital catalá.
Os animalistas consideran unha boa oportunidade a constitución dun servizo público destas características ao entender que a actuación municipal na materia aínda é "insuficiente" e o goberno local "debería escoitar máis" aos pontevedreses, ademais da as asociacións que alertan sobre o continuado número de abandonos que ocorren na cidade.
Neste sentido o novo consello participativo non supoñería custo algún para as arcas do Concello, ao ser un órgano constituído polo propio consistorio e o tecido asociativo local, ademais de dispoñer dun catálogo de normas sobre o funcionamento, onde se prima a participación das asociacións lonxe de crearse como un sistema inoperante. Os animalistas queren un espazo "vivo" e onde poidan saír adiante informes e proposicións sen a oportunidade de veto dos consellos creados pola Xunta, por exemplo.
O novo consello veciñal serviría, tamén, para expor o plan estratéxico sobre xestión de colonias felinas e o calendario de campañas e medidas de sensibilización, onde o propio goberno municipal desenvolveu algunhas nos últimos anos. Desde Libera consideran necesaria a creación de lugares onde dialogar e debater sobre un problema que aumenta cada ano en Galicia.