Un anticiclón garante tempo seco ata o domingo 13 nas Rías Baixas
Por Redacción
As altas presións van entrar en Galicia durante este martes 8 de decembro estabilizando a atmosfera. Segundo informa o servizo de Meteogalicia, durante esta xornada ofrecerase unha alternancia de nubes e claros, con probabilidade dalgún chuvasco ocasional. As temperaturas mínimas situaranse sobre os 13 graos mentres que as máximas manteranse ao redor dos 16 graos. O vento soprará frouxo de compoñente oeste durante a mañá e, ao longo do día, irá variando a compoñente norte.
Para o mércores 9, as Rías Baixas recuperan a influencia anticiclónica, con tempo seco e estable. Os ceos permanecerán con intervalos de tipo medio e alto en xeral. As temperaturas mínimas descenderán moderadamente situándose sobre os 7 graos, mentres que as máximas permanecerán sobre os 16.
As altas presións moveranse lixeiramente durante o xoves 10 localizándose no sur de Galicia. As temperaturas seguirán oscilando, con sensacións de frío durante a mañá e temperaturas suaves a primeiras horas da tarde. Os ventos soprarán frouxos de dirección vaiable, con tendencia cara ao compoñente norte pola tarde.
O venres 11 continuará baixo influencia anticiclónica con ventos moi frouxos en xeral e predominarán os ceos pouco nubrados ou despexados nas Rías Baixas. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente, mentres que as máximas non experimentarán cambios significativos. Os ventos soprarán frouxos de dirección variable.
A influencia anticiclónica con ventos de compoñente sur manterase durante o sábado 12 pero as baixas presións atlánticas achegaranse ao litoral galego durante o domingo 13 ocasionando un incremento das probabilidades de choiva e producirase unha diminución das temperaturas diúrnas.